lunes, diciembre 04, 2006

CIRCUITOS CULTURALES "MARTÍN SARMIENTO"

SARABELA TEATRO VOLVE AOS CIRCUÍTOS CULTURAIS “MARTÍN SARMIENTO” NO BIERZO
Este ano inaugurábanse no Teatro Vilafranquino os CIRCUÍTOS CULTURAIS “MARTÍN SARMIENTO” entre Galiza e o Bierzo coa obra O HEROE de Manuel Rivas na versión que o autor preparou especialmente para os 25 anos de SARABELA TEATRO. Asistiron á presentación dos Circuítos Culturais X. C. Sierra Rodríguez en calidade de Delegado da Provincia de Ourense (cidade natal da compañía de teatro), o Presidente do Consello Comarcal, Ricardo R. Saavedra e Vicente Cela o alcalde de Vilafranca. Era a posta en marcha dunha iniciativa propiciada polo patrocinio das administraciois citadas a proposta da Comisión Cultural “Martín Sarmiento” coa intención de planificar con carácter permanente e frecuente á presenza de manifestaciois culturais galegas no Bierzo, e ir preparando o camín da presentación de achegamento de produciois bercianas á Comunidade Galega.

Presentamos para pechar o ano unha nova montaxe teatral de SARABELA TEATRO que terá lugar no mesmo escenario de Vilafranca o próximo día 7 de decembro ás 20.00 horas grazas de novo ao interese por acoller este tipo de actividades por parte da Concellaría de Cultura de Vilafranca do Bierzo e ao patrocinio de Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e coa participación do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) co que vimos traballando de cara a preparar un calendario para o ano 2007 no que desexamos que os Circuítos sexan xa unha iniciativa asentada de dinamización cultural en galego no Bierzo e que esperamos inaugurar cara o próximo mes de febreiro nesta ocasión no Teatro Bergidum de Ponferrada.

SARABELA TEATRO presentará no Teatro de Vilafranca nesta ocasión a obra de Federico García Lorca ASI QUE PASEN CINCO ANOS, unha montaxe que acadou seis dos trece galardois ( entre eles mellor dirección e mellor espectáculo) que no Día Mundial do teatro se entregaron na Coruña na VIII edición dos Premios María Casares, os premios máis recoñecidos do Teatro Galego. “Así que pasen cinco anos”, está considerada por muitos críticos como un dos dramas máis fascinantes do teatro lorquiano e español do século XX. “Así que pasen cinco anos” presenta un itinerario polo amor imposible, o sono e o paso do tempo, no seu camiñar ata a morte. A versión en lingua galega, está feita e dirixida por Ánxeles Cuña, ex-directora do Centro Dramático Galego e unha das máis prestixiosas directoras teatrais.


Héctor M. Silveiro Fdez, coordinador da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO