miércoles, septiembre 13, 2006

XXV ANIVERSARIO ESCOLA



Celebrar 25 anos non é pouco para esta asociación que aínda que é algo máis que un grupo de gaitas, débelle a este instrumento popular e emblemático a súa esencia. É por iso polo que comezamos baixo o seu signo, o son das gaitas, esta celebración o próximo día 16 de setembro cun Festival de gaitas e música tradicional. Pero antes de explicar os contidos de dito festival lembraremos os principais fitos percorridos por nós nestes 25 anos de existencia.
A Asociación Cultural “ESCOLA DE GAITAS de VILAFRANCA DO BIERZO”, leva este nome porque no inverno do ano 1981 nacía como Aula de Música do Instituto de Cultura Popular “Gilberto Núñez Ursinos”. Nos seus primeiros anos dedicouse á consolidación dun grupo de gaitas dando paso á primeira Escola de Gaitas dos lindeiros culturais galegos do Bierzo. No ano 1989 constitúese como Asociación Cultural coa fin do estudio e recuperación do patrimonio tradicional. Pero desde o primeiro momento da súa existencia vén traballando no mantemento de distintos costumes como os magostos, fogueiras tradicionais, volteo de campás e xogos populares, destacando especialmente o seu labor na revitalización da denominada Festa do Maio, tradición sobre a que editou unha Unidade Didáctica para uso escolar no ano 1993, ademais dunha selección de contos infantís e un vídeo divulgativo.
Do seu traballo no terreo cultural destaca a organización das Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo e edición da súa Memoria centradas en distintos temas:
-A tradición oral e a lingua (28 agosto 1993)
-O calendario tradicional e a lingua (21 agosto 94)
-Homenaxe a Martín Sarmiento 1695-1995 (16 setembro 95)
-Textos e contextos do galego no Bierzo (28 decembro 1996)
Outramente conta no seu haber coa organización de catro festivais de música celta e innumerables actuaciois como grupo de gaitas entre as que destacan: a participación representando ao Bierzo no “Encuentro de las Comarcas Leonesas(Riaño 1984), Festival de Música Celta compartindo escenario con Milladoiro (Astorga 1985), Casa de Galicia de León (1989), IV Festa dos Muíños (Pedrafita 1990), Clausura do Congreso de Etnografía y Folklore do IEB(Ponferrada 1991) IªMostra de Folclore Tradicional en Vilagarcía de Arousa e Festivais da Asociación de Gaiteiros Galegos, da que é asociado, en Lugo (1992) e en Ourense(1993), Encontro de Bandas de Gaitas (Taramundi 1994 e Narón 1995). Ademais no transcurso da súa longa vida como grupo musical ten participado en festas e romarías da comarca como a de Fombasalá. Participou tamén na Homenaxe ao gaiteiro, festival anual que se celebra en Vigo (na edición do 1994), nos Encontros de Música Tradicional Galega (A Rúa 1996) e no programa da Televisión Galega “Luar” acompañando aos Xigantes de Vilafranca (1997). Precisamente con eles ten un compromiso anual de facelos bailar nas festas patronais de Vilafranca. Unha tradición e andaina que perdura ao longo dos anos e chega ata o recente Encuentro de Bandas de Gaitas de Astorga (2006) e as Festas do Cristo do presente ano.
Do seu traballo no mundo da gaita destacaremos a homenaxe aos vellos gaiteiros de Vilafranca (1988) ademais do Festival Gaiteiros Tradicionais realizado con motivo do X aniversario do seu nacemento (1991) e a gravación da casete de dito festival con temas inéditos dos gaiteiros do país.
Foi impulsora xunto con outras asociaciois e persoas interesadas nun proxecto museístico e de defensa global do patrimonio para a vila de Vilafranca arredor da denominada Asociación Pro-Museo de Vilafranca (1999-2000) e é membro constituínte da Comisión Cultural Sarmiento 2002. Ano no que recibe o Pergamiño de Honra polo seu labor na defensa do galego no Bierzo. Polo mesmo motivo o presidente da Asociación ingresa en decembro do 2004 como membro correspondente na Academia Galega. No 2005 propicia a celebración anual das Xornadas Martín Sarmiento. Tamén está presente no Encontro de Portadores da Tradición en Melgaço (Portugal) coa Festa do Maio e organiza no mes de setembro en Vilafranca unha mostra de oficios tradicionais co título “Un patrimonio para o futuro”, ambas en apoio á Candidatura do patrimonio Inmaterial galego-portugués á Unesco.
Actualmente prepara unha serie de actividades e publicaciois que encherán este ano do seu XXV aniversario. O Festival dos 25 anos a Escola interpretará un grupo de temas que ao longo da súa historia nos acompañaron e son fruito do traballo que sobre a gaita no Bierzo vén realizando. Compartirán escenario con nós Treixadura gaiteiros e o orfeón do mesmo nome, un grupo amigo que presentamos cando nacía (nos anos 90) ao público berciano pouco antes de editar o seu primeiro traballo “Obrigado” que inclúe precisamente unha peza do repertorio da Escola, o pasodobre de Emilio, o gaiteiro de Vilar de Aceiro. Pero será cos traballos titulados como os versos dunha copla coñecida “Unha noite no muíño” e “Unha noite non é nada” cando o grupo pase a ocupar un lugar moi destacado no mundo do folclore en Galicia e se multipliquen as actuaciois en TVG e Festivais de todo tipo. Veñen a Vilafranca e ao Bierzo a presentar o seu último CD “Unha semaniña enteira” onde a voz e as composiciois propias cobran un protagonismo especial.
Seguindo as palabras do filólogo e musicólogo Antón Santamarina, a música popular segue viva e non só porqeu os estudosos dos séculos XIX e XX a embalsamasen en eruditos cancioneiros que os grupos actuais aproveitan como fonte, senón porque se adaptou, en fórmulas e grupos como Treixadura, e nesta nova etapa cambiou a aldea pola vila e se, en certa maneira, perdeu algo en autenticidade, compensou esa perda cun gaño esencial: converteuse nun dos signos que conforman a nosa identidade como pobo, se cadra o máis importante despois da lingua.
Treixadura presentará un espectáculo musical que envolve ó público en sons e imaxes ante os que un non deixa de sorprenderse. Valses, muiñeiras, foliadas, pasodobles e demáis ritmos da nosa tradición van sendo debullados nun ambiente que tanto pode encaixar na romaría máis popular como na festa ou evento máis urbán.




Para máis información:
www.treixadura.com
www.bierzocultura.com