viernes, marzo 09, 2007

RECOLLIDA DE SINATURAS
PRO CUMPRIMENTO DO CONVENIO DE RECONSTRUCCIÓN DA
CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO EN VILAFRANCA DO BIERZO

A Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO, coordinadora de diversas asociaciois e entidades afincadas na vila natal do Padre Sarmiento pon en marcha esta recollida de sinaturas polas razois que seguen.

No día 9 marzo do 2007 cando se cumpren 312 anos do nacemento de Pedro Xosé García Balboa en Vilafranca e cando están a punto de cumprirse os cinco anos da sinatura do convenio para a reconstrucción da CASA NATAL DO PADRE SARMIENTO subscrito en Vilafranca do Bierzo un 18 de maio do 2002 polos daquela presidentes da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, que obriga a repartir os custes ao 50% entre as dúas Comunidades , os únicos pasos dados para que dito proxecto se poña en marcha nos consta que foron dados, en gran medida, por parte do goberno autónomo de Galicia.
Sabemos da existencia dun Proxecto que foi realizado como estaba acordado, pola mesma Xunta de Galicia a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dependente hoxe da Consellería de Innovación e Turismo, e remitido á Junta de Castilla y León en decembro do 2002.
Por outra banda, o paso seguinte que sería licitar e contratar a obra, cousa que, segundo o acordo, se compromete a realizar o goberno de Castela e León, e que a día de hoxe, case cinco anos despois non temos constancia de que se licitara, dando en contadas ocasiois a calada por resposta ás solicitudes de información reiteradas por parte do Alcalde de Vilafranca.
Ademais do descrédito do Goberno Autónomo de Castela e León ante os bercianos e todos os cidadáns da propia Comunidade, este incumprimento pode, polo mesmo aparecer ante os ollos da propia Xunta de Galicia, de diversas e prestixosas instituciois galegas e dos mesmos galegos aos que representan, unha falta de respecto e unha mostra de deslealdade ante o grande interese posto anos antes na Casa Natal do famoso benedictino primeiro coa súa compra, interese despois corroborado polo seu Presidente ao asistir en Vilafranca á celebración do Día das Letras Galegas, actos cos que a Real Academia Galega honraba a Sarmiento, por vez primeira na súa historia, fóra da súa Comunidade, o mesmo día que asinou o acordo para a súa reconstrucción, o 18 de maio del 2002.


Por este motivo queremos denunciar publicamente o desinterese demostrado por parte da Administración Autónoma de Castilla y León á hora de cumprir o prometido para cunha vila, capitalidade histórica da comarca como Vilafranca que é unha vila referencial do camiño, denominada en ocasiois como a Pequena Compostela, recoñecida como Conxunto Histórico e Artístico que é o lugar turístico máis visitado do Bierzo xunto coas Médulas como demostran os seus máis de 144.000 visitantes rexistrados no ano 2006, recoñecida o pasado mes de febreiro co distintico SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos) por parte da Secretaría General de Turismo do Ministerio de Industria en Fitur. É, pois, unha gran contradicción que unha vila con semellante potencial patrimonial que se estende tamén ao terreo ecocultural, precise con urxencia dunha infraestrutura turística e museística axeitada coa que non conta, deficiencia que coa reconstrucción da Casa Natal de Sarmiento se vería parcialmente paliada, ao ser o ilustrado galego-berciano un gran defensor dos valores patrimoniais entendidos no seu sentido máis amplo.

Existe ademais outro motivo como é o interese que supón o feito de incorporar a figura, obra e modus operandi do Padre Sarmiento para o desenvolvemento e potenciación da oferta cultural e turística que ofrece o Camiño de Santiago no seu conxunto. Como peregrino peculiar que foi a Compostela no seu tempo, un viaxeiro exemplar, curioso e interesado nos máis diversos aspectos dos lugares polos que pasaba, amante do saber, da cultura e da súa terra e, á vez, unha figura de carácter universal pola súa erudición e pensamento adiantado a súa época. SARMIENTO debe ocupar o seu espazo nese transcendental Camiño Constructor de Europa que é o Camiño a Compostela.


Por último, está deseñada dende o 2002, por parte da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca (promotora tamén desta recollida de sinaturas), unha proposta para o estudo e a posta en valor deste gran persoeiro e baluarte do noso patrimonio (entendido no seu conxunto historia, arte, natureza, literatura, cultura inmaterial e lingua) que denominamos Proxecto Sarmiento para o que, a concreción dun espazo referencial, como a súa CASA NATAL reconstruída nesa rúa emblemática do camiño Xacobeo, será clave no seu desenvolmento, servindo á vez de elemento de dinamización do propio centro cultural e turístico que se proxecta no convenio asinado.

Polo que os abaixo asinantes, interesados na figura de Sarmiento e na defensa do noso patrimonio, estamos convencidos da necesidade, urxencia e o gran interese social que ten a apertura dun centro dinamización turística e cultural na CASA NATAL DE SARMIENTO en Vilafranca do Bierzo, na porta natural de Galicia, como unha nova oferta no Camiño de Santiago, para o coñecemento e divulgación tanto do seu ideario como da súa obra.

SOLICITAMOS, pois a inmediata contratación das obras de reconstrucción da Casa Natal de Sarmiento por parte da Junta de Castilla y León, para que logo as dúas administraciois comprometidas procedan a executar o cumprimento íntegro do acordado e asinado no seu día, como xa se dixo, polos presidentes da XUNTA DE GALICIA e da JUNTA DE CASTILLA Y LEÓN.
Podes adherirte dexando a signatura nos comentarios do blog