miércoles, abril 26, 2006

NOTA DE PRENSA

A Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca que está preparando a celebración do seu XXV Aniversario, estuda conxuntamente coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta e co Departamento de Cultura do Consello Comarcal Berciano un proxecto de defensa da tradición dos maios de Vilafranca como un dos VALORES PATRIMONIAIS DE INTERESE CULTURAL E IDENTITARIO máis representativos do Bierzo. Dada a riqueza do Patrimonio Tradicional que o Bierzo comparte con Galicia, un proxecto destas características foi unha das cuestións sinaladas con ocasión do acto de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á Unesco que o propio Presidente do Consello Comarcal do Bierzo Ricardo Saavedra e Luís Bará, Director Xeral de Difusión e Creación Cultural subliñaron o pasado mes de setembro en Vilafranca.
Este acordo contemplará unha serie de actuaciois de cara a difusión e asentamento da Festa do Maio. Unha das primeiras iniciativas nas que xa se está traballando é a publicación dun DVD sobre os Maios de Vilafranca, que incluirá un documental realizado por Benxamín Vázquez para a TVG sobre esta tradición e a súa recuperación por parte da Escola de Gaitas e diversos materiais do arquivo propiedade da Asociación, documentos audio-visuais inéditos sobre o mesmo tema. Espérase que estea editado nos primeiros meses do vrao.
Cando se cumpren 20 anos da edición en imprenta do primeiro cartel da Festa do Maio por iniciativa da Escola de Gaitas, pasados máis de 25 anos de organización da festa, chegou o momento de solicitar para este evento tradicional e ancestral o rango de Festa de Interese Cutural a nivel Local, Comarcal, Provincial e Autonómico.
Ese é un dos nosos obxectivos polo que nos iremos dirixindo ás distintas administraciois para lograr este recoñecemento, que, por outro lado, a nosa Festa xa o ten gañado ao ser quen de viaxar de xeitos diversos a lugares tamén diversos.
Chegamos a través de charlas onde o chamativo era a tipoloxía de maios, os maios humanos ou vivintes, perdidos en case que todos os lugares de Galicia hai máis de cen anos, por exemplo na súa capital houbo un maio-mozo moi parecido ao noso. Si eilí a Santiago de Compostela, chegou noutra ocasión o noso maio ás aulas da Facultade de Filoloxía por ser unha xoia da tradición oral do galego do Bierzo. Logo veríamolo en León formando parte dunha exposición fotográfica destacado por ser imaxe florida da vitalidade da primavera e postal fermosa da tradición que soubemos coidar ata hoxe.
Máis tarde, aparecerá en varios libros como a Guía das Festas Populares de Galicia ou o máis específico sobre a Festa dos Maios en Galicia que destaca de novo a súa singularidade lingüística e formal.

No ano 2004 aparece tamén no libro o Foro dos Maios de Ourense que levaba o título de “Levántate maio” onde se destaca a nosa experiencia na recuperación da tradición cando estaba en trance de desaparición. O maio estivo no ENCONTRO DE PORTADORES DA TRADICIÓN en Melgaço (Portugal) onde se reafirmou o noso compromiso coa tradición, por unha banda, e, pola outra, démoslle ao maio un carácter internacional ao formar parte da proposta da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués á UNESCO, unha proposta que dende o goberno de Galicia e o Ministerio de Cultura de Portugal está tendo unha grande importancia á hora de conservar, estudar e difundir un patrimonio que precisa da atención das instituciois.

Todos os vilafranquinos estamos especialmente implicados na conservación desta manifestación cultural que é un símbolo da nosa identidade, razón pola cal son cada vez máis os bercianos interesados en participar e festexar con nós esta festa. Vilafranca, a vila que ten un recoñecido patrimonio histórico-artístico, debe promocionar outros valores patrimoniais, debe facer desta festa tradicional unha referencia para ese turismo cultural que tantos e tantos visitantes trae á pequena Compostela. Este costume está ligado á influencia do Camiño Francés pola melodía que acompaña as letras do maio, unha tradición que seguro se asentou na nosa vila, coas coplas cantadas coa mesma música,conservadas ano tras ano, prácticamente desde o nacemento da Villa-Franca ou Villa Fracorum. O caso é que esta peza do noso tesouro patrimonial debe ser preservada para o futuro, por iso apostamos polo futuro da tradición e seguimos traballando con corazois.

Asociación Cultural
ESCOLA DE GAITAS.


PROGRAMA DE ACTOS MAIO 2006


Domingo 30 de abril :

RONDA POÉTICO MUSICAL
A partir das 18:00h. A adornar os balcois da Rúa da Auga.

Ás 11 da noite: Comezará a Ronda poético musical teatreira primaveral pola Rúa que contará coa presenza dos Regueifeiros Luis Correa e Benito Lobariñas, por iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de
Cuñltura da Xunta de Galicia.

Ao remate haberá para todos unha máxica Queimada das castañas maias.

Luns 1 de maio:

O MAIO TRADICIONAL
A partir das 8,30 na Casa da Cultura para ir cortar as cañaveiras .

Ás 11,30 os maios andarán as rúas da vila para reunirse finalmente na Praza Maior a última hora da mañá.
Logo Comida campestre de todos os participantes con música e danza de sobremesa.


O MAIO NAS ESCOLAS
Os CENTROS ESCOLARES DO MUNICIPIO reciben habitualmente unha proposta didáctica da Escola de Gaitas de cara a consolidar o seu compromiso coa difusión entre os máis novos do costume e a participación activa tanto na ronda como nos cortexos de maios.

NOTA: Un agradecemento especial a todos os que traballan de corazón polo futuro da tradición. A Ramón Cela autor da foto do cartel e a Oswaldo Pereira o deseñador do mesmo.

No hay comentarios: